Martes 15 de xullo
Apacenta as miñas ovellas (Xoán 21:16).
O apóstolo Pedro díxolles ós seus compañeiros anciáns: “Coidade o rabaño de Deus” (1 Ped. 5:1-4). Se serves como ancián de congregación, sabemos que queres moito os teus irmáns e desexas coidar deles. Pero, ás veces, quizais esteas tan ocupado ou cansado que sintas que non es capaz de cumprir con esta asignación. Que podes facer? Cóntalle a Xehová todo o que che preocupa e o moito que che gustaría axudar ás súas ovelliñas. Pedro escribiu: “Quen sirva, que o faga coa forza que Deus lle dá” (1 Ped. 4:11). É posible que os teus irmáns se estean enfrontando a problemas que non teñen solución neste sistema. Pero recorda que o Pastor Principal, Xesucristo, pode axudarlles de maneiras que para ti resultan imposibles. E farao tanto agora coma no novo mundo. O único que Xehová pide dos anciáns é que amen os seus irmáns, coiden deles e que sexan un “exemplo para o rabaño”. w23.09 páx. 30 pars. 13, 14
Mércores 16 de xullo
Xehová coñece os pensamentos dos sabios e sabe que son inútiles (1 Cor. 3:20).
Debemos evitar o uso de razoamentos humanos. Se empezamos a pensar como as persoas que non serven a Xehová, pode que nós tamén o acabemos deixando de lado a el e as súas normas (1 Cor. 3:19). Moitas veces “a sabedoría deste mundo” anímanos a deixarnos levar polos nosos propios desexos. Algúns cristiáns de Pérgamo e Tiátira, permitiron que os influenciase a xente que os rodeaba, que eran persoas inmorais e adoraban deuses falsos. Xesús foi moi contundente ó darlles consello a aquelas congregacións por tolerar a inmoralidade sexual (Apoc. 2:14, 20). Hoxe en día, a xente que nos rodea tamén exerce moita presión para que aceptemos os seus puntos de vista equivocados. Algúns familiares e coñecidos poden intentar convencernos de que somos demasiado estritos e de que non pasa nada porque cedamos nalgunhas das normas que Xehová pon. Por exemplo, poderían dicirnos que non ten nada de malo deixarnos levar polos nosos desexos e que as normas morais da Biblia están anticuadas. Ás veces, poderiamos pensar que as instrucións que nos dá Xehová non son o suficientemente claras e ter a tentación de “ir máis alá do que está escrito” (1 Cor. 4:6). w23.07 páx. 16 pars. 10, 11
Xoves 17 de xullo
O verdadeiro amigo ama en todo momento e é un irmán en tempos de angustia (Prov. 17:17).
María, a nai de Xesús, necesitou forzas para facer a vontade de Deus. Ela non estaba casada, pero ía quedar embarazada. Tampouco tiña experiencia criando fillos, pero tería que coidar do neno que chegaría a ser o Mesías. E como non tivera relacións sexuais, como lle ía explicar todo aquilo a Xosé, o seu prometido? (Luc. 1:26-33) Como conseguiu María as forzas que necesitaba? Ela deixouse axudar por outros. Por exemplo, pediulle a Gabriel que lle dese máis información sobre o que Deus lle encargara (Luc. 1:34). Pouco tempo despois, viaxou “camiño da montaña” de Xudá para visitar a súa parente, Isabel. Ela felicitou a María e, inspirada polo espírito santo, compartiu con ela unha profecía moi animadora sobre o fillo que levaba no ventre (Luc. 1:39-45). Grazas a iso, María puido dicir que Xehová manifestara “o poder do seu brazo” (Luc. 1:46-51). Deus utilizou o anxo Gabriel e a Isabel para fortalecer a María. w23.10 páxs. 14-15 pars. 10-12